MUSEO
PROVINCIAL DE LUGO: Un museo para todos
DEPARTAMENTO
DE DIDÁCTICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
museo@diputacionlugo.org
Aló
polo ano 1995 o persoal adscrito ó Departamento de Didáctica (entón
denominado Servicio de Guías) do Museo provincial de Lugo dedicou varias
xuntanzas a reflexionar e a facer autocrítica sobre o traballo que se estaba a
desenvolver cos visitantes en xeral e, sobre todo, cos grupos de escolares que
visitaban o museo. A necesidade do debate viña forzada pola aborrecemento da
tradicional visita guida e por buscar alternativas que supuxesen, cando menos, un cambio positivo tanto na práctica
do quefacer diario dos propios traballadores como en poder ofertar maneiras máis
atractivas de coñecer os contidos do museo.
Deste
debate naceu o primeiro programa de actividades escolares para o curso
1995-1996. Houbo que deseñar e elaborar materiais didácticos, convocouse ós
docentes para que coñecesen as propostas, experimentouse coas actividades cada
mes, cada bimestre, cada trimestre, pediuse a avaliación tanto dos mestres como
dos alumnos, e como consecuencia de todo esto corrixíronse ideas preconcebidas
que resultaban erradas, reorientáronse enfoques e detectáronse cales eran os
temas e propostas de interese xeral.
En
fin, aquel curso escolar resultou fundamental para convencernos de que comezábamos
a andar o camiño correcto e de que o traballo dos profesionais encargados de
recibir as visitas ó museo non tiña por que ser pesado nin rutinario. Axiña
comprobamos que merecía a pena aquel esforzo. As visitas aumentaron
considerablemente e a boa imaxe do museo na sociedade experimentou
un cambio radical. Bastara poñer a traballar
ideas adubiadas cun chisco de imaxinación.
Todo
xiraba arredor de dous obxectivos irrenunciables: os museos, ademais de formar e
educar, poden, e deben, ser divertidos, e se un neno ou nena disfruta nun museo
a primeira vez que o visita, volverá cunha boa disposición a entrar nel; e o
que aínda é mellor, cando adulto, pai, nai, educador..., será, seguro, amante
dos museos e promoverá o seu uso e disfrute entre as novas xeneracións.
Desde
aquel curso experimental elabórase cada novo curso un programa diferente. Agora
no Museo provincial de Lugo os nenos pintan e debuxan, contan contos
protagonizados polos personaxes das obras de arte, fan puzzles e resolven xogos
de pistas, descubren personaxes, manipulan obxectos da prehistoria, elaboran
cómics,
descubren os misterios da época romana, simulan ser pezas de museo, aprenden a
técnica de fabricación de mosaicos, vístense de frades coma os que antes
viviron no edificio do museo, van de safari, descobren a historia do vestido, da
xoiería, das moedas, da escultura e disfrutan doutras moitas experiencias. Nos
períodos vacacionais, verán e nadal, prográmanse obradoiros variados, fanse
concursos, posibilítase a reunión cos avós para ir recuperando tamén o
patrimonio da memoria. Nestes anos púxose a dispor dos centros escolares e da
sociedade en xeral un grande número de propostas. A resposta dos nosos
visitantes estimúlanos a seguir nesta liña, a continuar un labor que de
momento ten o mérito de ser correspondido polos que nos visitan pero tamén o
reto de ser capaces de cumprir coas espectativas que xeramos.
Estamos
a traballar para que o museo non só conserve, investigue, divulgue e eduque,
tamén pretendemos que estea vivo e sexa activo e lúdico, para que estimule e
suxestione, para fomentar a curiosidade pola historia e pola arte; para que, á
fin, cada cidadán, de calquera idade entenda que o museo é seu, que lle
pertence, e que debe de tirarlle o máximo proveito.
O
Departamento de Didáctica encárgase da realización de proxectos e material
educativo para profesores e grupos escolares e de adultos, visitas individuais e
actividades para familias, de coordinar as Xornadas pedagóxicas de formación
do profesorado e outros cursos, e de poñer en práctica obradoiros de
actividades creativas ou do aproveitamento pedagóxico das exposicións
temporais. Quen desexe poñerse en contacto pode dirixirse a calquera destes teléfonos
e enderezos:
Tfno.:
982 242112. Fax: 982.24.02.40
E-mail
: museo@diputacionlugo.org/
guias@museolugo.org
Tamén
pode informarse sobre o museo, a súa historia e fondos, consultar as novidades
ou actividades que se están a desenvolver na páxina http://www.museolugo.org.
|