Os
grises acostumamos vivir á sombra. O que non sei ben é se non nos deixan
poñernos ó sol ou é que lle temos medo. Quizais sexa iso: covardía.
Pero ¿quen é o gris? Eu definiríao como a persoa que non é branca nin
negra. Ou todo o contrario: o que participa do branco e do negro en
proporcións que varían dependendo das circunstancias. A evidencia da
relatividade e da dúbida. Mais, as maiorías anoxan a relatividade e a dúbida.
Entón ¿que nos queda ós grises? –e falo en plural porque imaxino que
non serei o único, máis ben penso que somos unha minoría abondosa- A
fuxida, a incomprensión, a soidade.
Eu
confeso que son un gris dende neno e, confeso tamén, que un vive dende o
desacougo e a dor esta soidade, esta incomprensión; esta condición. Un
gris na sociedade, no traballo, no entorno máis próximo; ás veces ata
na familia. E o contradictorio é que todas as correntes pedagóxicas máis
adiantadas apostan pola necesidade de fomentar o espíritu crítico, de
formar individuos con personalidade capaces de pensar e de actuar por si
mesmos. Pero, logo, non estamos ben vistos, resultamos antipáticos. Seino
eu ben. Porque, crédemo, moitas persoas que defenden esta teoría –que
eu comparto- néganme ese dereito: o dereito a ser gris. Se son brancas acúsanme
de negro, se son negras acúsanme de branco; danme por todos os lados. O
mesmo que ós nosos emigrantes: galegos na Arxentina, arxentinos na súa
terra.
Pois
eu tamén, aquí, indeciso, embeleñado nas dúbidas; na zona gris. Vendo
como personalidades da cultura que eu admiro –como lector ou por outras
razóns- defenden a bocas cheas, sen concesións, a súa causa. Confeso,
outra vez, que sinto algo parecido á envexa, pero non podo, o meu
criterio non me deixa seguilas na súa singladura, cando o intento ando
incómodo e teño que baixarme. En ocasións como na da marea
negra un rexeita, convencido, a hipocresía dos que fan as leis –marítimas,
medioambientais, sanitarias, fiscais…- e dos que permiten que estas
sexan violadas, os mesmos en moitos casos. E, como non, un rexeita a
negación da evidencia, o torcer a cabeza para outro lado, a prepotencia,
o desprezo, a mentira, a desconsideración, o mercantilismo cas
conciencias, a chamada ó patriotismo e á lealdade -¿que son o
patriotismo e a lealdade?-, …, a ofensa. E un non pode estar con estes,
claro que non. Pero, ó mesmo tempo, un tamén percibe, nos outros,
unha certa tendencia á demagoxia; un emprego oportunista, parcial, da
situación; un barrer para a casa que non é quen de asumir dende a súa
peneira ética. Por isto, un tampouco pode estar cos outros,
aínda que, volvo a confesar, ás veces, lle gustaría. Pero a condenada
da conciencia gris –ese ollo invisible, esa voz que che berra dende as
fonduras- non cho permite. Porque un entende que estes outros critican a opción A, pero que, da mesma maneira, criticarían
a B se esta fose a que defendesen os contrarios. E isto non me parece
asumible. Que queren que lle faga. Por isto un é un gris. Pero hai que
seguir na carga, tirar para diante. Un non pode facer outra cousa que
berrar –ou ladrar- o dereito a selo invocando a esa tolerancia da que
tanto falamos cando nos convén.
Mais,
a pesares de ser un gris, un pode denunciar dende a súa illa solitaria a
irracionalidade desta e de tantas outras mareas
negras, a irracionalidade avasalante do primo zumesol americano que vai pola vida prohibíndolles ós mais que
fagan o mesmo que el fai, a irracionalidade do mundo que controla os fíos
do mundo que non lles deixa máis esperanza ás xentes do outro mundo que
a de subirse a unha patera…; a irracionalidade da clase política
arxentina e dos seus padriños que levaron ó seu pobo ó estado no que se
atopa, a irracionalidade que padece o pobo palestino… En fin, un tamén
denuncia e rexeita todas aquelas irracionalidades que atentan contra
calquera dos principios elementais e básicos que deberían rexer na efímera
pero ás veces insoportable aventura de vivir. Ora que, xa se sabe: o home
é un animal racional. Xa, xa… Non sei, a min quédaseme curta esta
definición, eu engadiríalle a palabra interesado, así: un animal
racional interesado. Aí lle doe. Pero…, pode ser que eu mesmo ande
botando man da demagoxia.
Porque
eu tamén son un home, acúsome de selo. Un home posiblemente tan
contradictorio, tan interesado e tan oportunista como os uns
e os outros. Pero un home
condenado á vivir á sombra, un gris: un escéptico… ¿Que nos queda?
¿A esperanza? A algúns, ós escollidos quizais.