MUNDOS INSPIRADOS   

Con Pólvora e Magnólias

Toño Núñez  

educador y escritor

tononunez@edu.xunta.es

Velaí a puxanza doutra primavera. As copas engalanadas das ameixeiras, dos pexagueiros, das pereiras e das creixales en flor. Axiña abrirán os pumares. Os gromos das bidueiras pintan da cor do viño as mestas fragas que estas árbores coparon en tantas e tantas terras ermas dunha despoboada galicia rural. Velaí o arrecendo, decadente xa, das mimosas  que dá paso ó rebento cromático e exuberante dos nosos montes ateigados de toxos enchorimados e de uces vestidas co seu traxe violeta; despois florearán as carpanzas e as xestas. Velaí a coral dos paxaros enchendo de ledicia e de música as mañanciñas deste abril desacougante. Festa para os sentidos. Plaxiando a Ferrín, diría: velaí as magnolias deste conto. 

Mais non oín aínda ó cuco. Andará tristeiro  o animal. Quizais o cheiro da pólvora –metáfora eufemística- lle fixese enmudecer. Quizais o repenicar das campás, o rebumbio dos avións e o estourido das bombas sexan os que me impiden escoitar o seu cantar de benvida. Demo de campás. Demo de avións. Demo de bombas. Non me deixan escoitar ó cuco. Canta destrucción e morte espallan ó seu paso. Só escoito os berros dun neno que fuxe espavorido sen saber para onde polas rúas asoladas de Bagdad. Os xemidos soterrados dunha nai en Florida, dunha nai que non entende como de tantos mozos zumesol que foron a liberar ó mundo das gadoupas de Satám  lle foi tocar, precisamente, a el. E iso que o señor Busch dixera que deus estaba da súa parte, non ol entende. É a guerra. Son as consecuencias dunha gerra preventiva, limpa; dunha guerra en nome da paz. ¡Canta inmoralidade! 

Eu tampouco entendo, unha vez máis, a irracionalidade do animal racional. Son moi curto de entendedeiras. ¿Poderían explicarme, señores Busch, Blair e Aznar, que é iso da guerra preventiva? Miren, no oitavo da miña casa vive un tipo que garda tres coitelos, dúas machadas e un rifle telescópico nunha naveta ¿Que medida preventiva podería tomar eu? E ¿que vén sendo iso das armas de destrucción masiva? ¿Non serán uns aparellos igualiños ca eses que vostede colecciona, señor Busch? ¿Saben que lles digo, señores presidentes? Anden, deixen vivir en paz ás xentes, alomenos ás xentes coma nós, ás xentes inocentes. Por deus, por ese deus ó que vostedes invocan e que a min me inspira tantas dúbidas… ¿Por que deixas que pasen estas cousas Deus? Para liberar ó mundo do terrorismo… Si ho si. O que fan é sementar terrorismo alí por onde pasan. E, se non, que llo pregunten ó Bin Ladem ese. Vaia que  saíron ras o Bin Laden  e mais o Satám. Xa ol dicía meu avó: cría corvos e… 

Canta hipocresía, canta falsidade, canta podredume. Somos máis ruíns cas bestas do monte. Hai momentos na historia da humanidade en que parece que damos uns pasiños cara adiante –abolición da escravitude, universalización de dereitos…- pero, de súpeto, chega calquer salvador do mundo e pon todo patas arriba. É sabido: a mellor maneira de acadar a paz é acabar co inimigo. Déixense de alorias e chámenlle ás cousas polo seu nome.¿Quen se beneficia de tantas bombas que se consumen no Irak? ¿Quen vai sacar tallada da reconstrucción de tanta destrucción?  ¿Quen saqueará o petróleo dos seus pozos? ¿Quen tirará proveito de tanta barbarie? ¿QUEN? … E o señor Aznar, con esa cara televisiva de neno bo e bigote de santín, pedíndome que lle preste a conciencia, que xa carga el coa ingrata tarefa de pensar por min, que iso de pensar é moi duro e improductivo. Estou metido nun bo lío. Se lle obedezo sentireime responsable de tanta destrucción e tanta morte. Mais, se non ol fago, acusarame de antipatriota. Non sei qué facer… 

E, por se fose pouco, o señor Fraga ordéname que non fale da negrura das costas e do mar nin da guerra coas miñas nenas e cos meus nenos. Para qué, parviños, para qué preocupalos, mellor é que vivan na inocencia por moitos anos. E  dime, tamén, que limpe “toda esa merda” que teño colgada pola clase que xa lle chega o cheiro ó seu pazo. Dende a miña homildade e dende a miña independencia política e ideolóxica, e ca meirande corrección, eu tamén quero dicirlle a vostede algo, señor Fraga: nunca teremos autoridade moral para pedir, e moito menos para esixir, respecto se nós non ol temos cos outros. Meteron a pata abondosamente no asunto do Prestige e agora insisten en enlamarse ata os xeonllos con esta insufrible e inxustificable guerra. E, por riba,  sacan peito . Basta xa de prepotencia e de desprezo polos que disinten. 

Basta xa. Con todos os respectos reclamo o dereito a pensar, a expresarme, a decidir e a actuar por min mesmo, como unha persoa e como un docente que cre na educación que vostedes firman nos papeis oficiais; unha educación en valores, nos valores da paz, da solidariedade, da tolerancia e do diálogo; unha educación que aposta pola formación de persoas libres e autónomas que coñezan e sintonicen respectuosamente co medio no que viven. En definitiva, unha educación que aspire á formación de persoas boas e máis cultas, é moi sinxelo. Canta contradicción. 

Ora que tamén quero reclamar, polo de agora é de balde, actitudes pacifistas entre os que nos arroupamos coa bandeira do pacifismo. Que non todo é trigo limpo. Hai quen aproveita o anonimato das masas para proxectar a súa agresividade, sexa esta verbal ou física. E isto non é, de ningunha maneira. Todo o respecto, toda a corrección e todos os dereitos que esiximos para nós, concedámosllos ós outros. Pero que se saiba tamén que, ás veces, os que violan a paz poden ser “pacifistas” de dubidosa  procedencia, non ol esquezamos tampouco. 

Por todo o relatado, e polo que deixo sen relatar, dende eiquí, dende esta triste primavera, con máis pólvora ca magnolias,  quero dicir,  coa meirande educación pero coa maior enerxía tamén, outra vez,  todo isto: nunca máis ós barcos piratas legais que tinguen de negrura e de morte o mar e as nosas costas ou as de calquer parte do planeta, nunca máis ás guerras en nome da paz no mundo, nunca máis ó uso e ó abuso prepotente da forza, nunca máis á hipocresía, á manipulación, á desconsideración e á imposición da lei do pensamento único. E, por favor, esperten da tolemia e paren dunha vez esta guerra. Do contrario, a historia, a única que non se somete ó poder, xulgaraos como ol merezan. Pobre e deprimente conforto. Por favor: ¡Basta xa! ¡Nunca máis!

Próximo >